31.1.18

Ruta polo Valadouro

Esta mañá alumnado de 1º de ESO e de FP Básica asistiu a unha charla sobre ourivería antiga impartida pola Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro. A conferencia tivo lugar no Castelo de Castro de Ouro en Alfoz, un dos concellos que forman o Valadouro. A continuación, o grupo de alumnos recibiu información sobre a historia do castelo e a figura do mariscal Pardo de Cela. Remataron a mañá cunha ruta de sendeirismo que os levou á fervenza do Escouridal guiados por Pedro, do Freixo dos Lobos, Ecoturismo e Natureza. A fervenza do Escouridal, constituída por varios tramos de saltos de auga e con  máis de 80m. de desnivel, é considerada a máis alta de Galicia.


Xa no primeiro milenio antes de Cristo, é posible atopar xoias de ouro en Galicia. Estamos na época da cultura castrexa. Aurelia Balseiro faloulles de que os achados están vinculados coa proximidade de ríos. A Mariña de Lugo concentra a maior parte da ourivería de Galicia. Atópanse en poboados como mostra do uso común, en cemiterios para acompañar ao defunto ou ben a modo de ofrenda aos deuses dos castrexos. 

Respecto á tipoloxía, existen varios tipos de torques que se colocaban sempre ao redor do pescozo. Teñen forma de C con remates máis anchos. Os torques castrexos podían ser decorados. Toda a decoración prerromana era xeométrica. En ocasións, representábase un animal: un pato, por exemplo. Este simboliza a resurección porque era unha ave migratoria que era capaz de irse e de voltar. Os remates dos torques adoptan varias formas: pera, espiral... 

O Torque de Burela, a xoia castrexa por excelencia de 1812 g, ten os remates ocos. Algúns torques incluso podían ter unha pedra dentro de cada remate como se fose un axóuxere. É o máis grande e máis pesado da península. É unha peza excepcional. Sería unha xoia para o uso da comunidade ou que simbolizase a toda a comunidade, visto o peso. Porque para conseguir case 2 kg de ouro habería que estar bateando os ríos en busca de pebidas durante dous veráns. Os torques castrexos máis comúns adoitan pesar uns 500 gr. 

A ourivería espállase en ocacións produto das viaxes, dos intercambios culturais...

Outra peza salientable da ourivería castrexa son as arracadas que se colgaban pinzando a orella. A que se atopou en Burela é das máis pequenas, pois mide 2 cm de ancho, mais destaca pola súa filigrana, xa que está profusamente decorada.

Na ourivería popular galega practicaban esta técnica decorativa da filigrana, que consistía en ir soldando arames que se ían retorcendo ata conseguir unha decoración en forma de 8 ou de espiral. Sobrepóñense as chapiñas, bólas e medias esferas como elementos decorativos. O resultado semella o debuxo dos encaixes. Cómpre sinalar que a palabra torques ven do latín torquis, do verbo torquere, que significa torcer ou dar voltas.

A maior parte do ouro galaico ten mestura de prata, pero debía de haber moito ouro e non necesitaban facer os torques de prata. De aí que, excepto un de prata, o resto dos conservados sexan de ouro.

Outras pezas notables da ourivería son o Carneiro alado e a Diadema de Moñes (Asturias) atopados en Ribadeo. A diadema feita con cinta de ouro ten escenas figurativas que se converten nunha secuencia narrativa. Nela vense uns guerreiros castrexos cun torque na man. No caso do Carneiro alado, na actualidade crese que probablemente a súa orixe sexa persa.

Todas as xoias prerromanas tiñan varias funcións. No eido espiritual: enxovais, acompañamento funerario, depósitos votivos, ofrendas rituais. No eido social: ornato, abalorio, exhibición de poder, riqueza, indicadores de xerarquía. No eido económico: riqueza, intercambios, relacións comerciais, agasallos, ...

As estatuas de guerreiros castrexos do sur de Galicia e norte de Portugal represéntanse cun torque, un puñal, un cinturón e unha caetra. Doutras representacións, coma as secuencias narrativas das diademas, dedúcese que o torque funcionaba non só como colar senón como símbolo dunha comunidade, porque algúns guerreiros levaban a man levantada empuñando un torque.

Como puidemos escoitar nesta conferencia, A Mariña e, dun xeito destacado Burela, contan cun pasado milenario.

Para ver o noso albúm de fotos, pica aquí.

Charlas sobre Servizos financeiros e Publicidade

O pasado venres 12 de xaneiro os alumnos/as de Economía de 4º de ESO e de 1º e 2º  Bacharelato participamos en dúas charlas sobre Servizos Financeiros e Publicidade respectivamente impartidas por representantes da Escola Galega de Consumo (EGC) no marco das actividades do proxecto Galicons-net .

Na charla sobre Servizos financeiros informáronnos sobre as contas bancarias, tarxetas de crédito e débito, préstamos, o fondo de garantía de depósitos e outros servizos e produtos financeiros e os riscos que poden supoñer os mesmos.

Despois na charla sobre Publicidade, faláronnos sobre os anuncios publicitarios que vemos día a día na vida cotiá, os tipos de anuncios que podemos presenciar e os dereitos que temos para denunciar calquera anuncio publicitario que non consideremos apropiado. Tamén nos comentaron os principios básicos que debe ter un anuncio para captar a atención do espectador dependendo do que se está tratando vender.

Ademais, facilitáronnos un teléfono de contacto para pedir información sobre calquera destes temas tratados.

O blog onde publicamos o traballo que están facendo os alumnos de 4º de ESO no proxecto Galicons servizos financeiros: Stop abusos bancarios e o seguinte: http://stopabusosbancarios.blogspot.com.es
Crónica do alumnado de Economía de 4º de ESO.

26.1.18

II Congreso de Imaxe Persoal

O vindeiro luns 29 de xaneiro de 8:30 h. a 14:00 h. terá lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela a segunda edición do ciclo de conferencias de Imaxe Persoal. Este ano o "II congreso de Imaxe Persoal" leva por título Adaptándose ao presente e ao futuro. Os contidos deste congreso están deseñados para o alumnado, profesorado de Imaxe Persoal e para as empresas colaboradoras nos programas de FCT. 

O Dr. Salvador Ramos Rey, Director médico de Spa Loida (A Coruña), abrirá o congreso cunha conferencia titulada O Impacto do cancro na imaxe persoal. Tratará o impacto socio-sanitario do cancro na sociedade actual. Falará da atención na imaxe persoal dos pacientes en relación ás secuelas que provocan os tratamentos oncolóxicos desta enfermidade. 

A segunda conferencia Cirurxía de trasplante de cabelo coa técnica FUE será impartida por Javier Rouco Martínez, Xefe de Departamento do Ciclo de Imaxe Persoal do centro. O trasplante de cabelo coa técnica FUE (Follicular Extraction Unit) é un trasplante dos máis avanzado para tratar calvicies e alopecias tanto en homes como mulleres. É unha técnica de microinxerto capilar para unha redistribución sistemática dos folículos pilosos que consiste na introducción de pequeños inxertos de coiro cabeludo. 


25.1.18

Fósiles - 4º ESO

Os alumnos e alumnas de 4º ESO de Bioloxía elaboraron uns cartaces expostos no pavillón inferior sobre algúns fósiles guía (Ammonita, Micraster, Belemnita, Pygope e Toucasia). 
O obxetivo é coñecer os hábitats e ambientes nos que viviron estes organismos, elaborando unha  ficha informativa que recollera: nome, clasificación, descrición, hábitat, modo de vida e tempo no que viviron. O resultado, estes cartaces tan chulos que serviron para expoñer os datos recollidos na rede aos seus compañeiros e compañeiras.

23.1.18

Coñecendo o meu pobo - 1º ESO

Os Departamentos de Xeografía e Historia e Relixión Católica organizaron unha actividade conxunta destinada ao alumnado de 1º de ESO que tiña como obxectivo realizar un roteiro xeográfico e histórico pola nosa localidade e dar a coñecer o noso patrimonio.

O mércores dezasete de xaneiro fixemos unha  excursión cunha ruta por Burela de Cabo. Fomos  en autobús e por parellas. Despois fomos ver o porto novo, despois a igrexa da Vila do Medio. Os profes contáronnos moitas cousas que non sabiamos. Vimos as pinturas góticas de fai centos de anos e que estaban nunha parede da igrexa. Antes estivemos no adro escoitando o que nos dicían.  Logo tivemos que cubrir unha ficha sobre as cousas que nos explicaron. Atendemos, fixemos caso e portámonos moi ben.

Cristina Meitín Cayón.- 1º ESO
Accede ao noso albúm de fotos aquí.

18.1.18

Encontro coas asociacións de comerciantes

O venres 15 de decembro de 2017 na Biblioteca do IES Perdouro os alumnos de Economía de 4º de ESO, 1º Bach., 2º Bach. e alumnos dos Ciclos formativos de Administración asistimos a unha charla impartida por Rubén Pinín, presidente da Asociación de Comerciantes Industriais e Autónomos de Burela (ACIA Burela) e do Centro Comercial Aberto (CCA) de Burela.
A Asociación de Comerciantes é unha entidade formada por varios comercios de Burela que entre eles se poñen de acordo para facer actividades e campañas conxuntas que beneficien o comercio e indirectamente a todo.
Foi fundada en outubro de 2011. Esta asociación dinámica organizou moitas actividades ata fai pouco. Actualmente debido a falta de relevo da dirección non está moi activa.
Na charla, Rubén informounos dos obxetivos e funcións que se levaban a cabo por esta asociación, así como das diferentes actividades, eventos e campañas  que se organizaron, como por exemplo a Festa Castrexa, os concertos de Entroido, os juernes de tapas...
Sen dúbida algunha, todas estas actividades benefician aos comerciantes pero tamén en boa medida a todo o Concello de Burela.
Explicounos tamén as formas de financiación e subvencións que reciben tanto a Asociación de Comerciantes como o Centro Comercial Aberto para facer posible todas actividades e campañas que levan a cabo.
O Centro Comercial Aberto pertence a Federación de Comercio A Mariña a través do que tamén recibe certas axudas sobre todo nas campañas e actividades máis importantes que realizan.

Crónica do alumnado de 1º de Bach. de Economía

Ligazóns:
Sitio web ACIA Burela: https://aciaburela.com
Facebook CCA Burela: https://www.facebook.com/ccaburela

Feira do estudante na Coruña

Resultado de imaxes para unitour coruñaO 14 de decembro o IES Perdouro acode co alumnado de 2º de Bacharelato a UNITOUR, unha feira de orientación universitaria celebrada no Palexco (A Coruña), dirixida a toda a comunidade educativa co eido de ofrecer información que axude ao alumnado a deseñar o seu futuro profesional.

Nela visitaron stands de universidades de toda España, tanto de titularidade pública como privada, que ofrecían información sobre os plans de estudos dos distintos grados que ofrecen, probas de acceso, bolsas, residencias. Alumnado, familias e profesorado en xeral ou orientadores en particular puideron resolver todas as dúbidas que se plantexasen.

Noelia Álvarez Acebedo, orientadora

17.1.18

A Mariña ten historia (I): Ruta pola Mariña Occidental e Central

Os alumnos de 4º ESO B do IES Perdouro de Burela foron de ruta fotográfica pola Mariña Occidental. Visitaron diversos lugares que tiveron importancia histórica que moita xente descoñece xa que, ou é difícil acceder a eles ou non se coñecen. Por iso, o alumnado de TIC deste curso 2017/18 decidiu elixir como temática estes lugares que non se coñecen para ilustrar o calendario deste ano 2018.

Coas súas cámaras, saíron do instituto ás oito e media da mañá do mércores 25 de outubro. A primeira parada foi en Cabo Burela, situado no paseo marítimo da Marosa en Burela. Alí subiron por un campo no cal se podían ver dous montículos que parecen naturais pero que, en realidade,  son os torreóns de entrada dun castro situado en Cabo Burela que pertence á Idade do Ferro. Estes dous outeiros son coñecidos en Burela como As Tetas da Vinculeira. Na parte de abaixo do castro, pegada ao mar, destaca unha pía de forma rectangular. As pías son baleirados con forma xeométrica realizados nun penedo e coincidentes coa presenza dun castro. Pénsase que tiñan relación con ritos funerarios e poderían datarse arredor do 500 ao 300 a. C.

A segunda parada foi para ver petróglifos en Rueta (Cervo). Trátase de gravados simbólicos feitos na rocha e datados apróxmadamente entre os anos 1.000 e 500 a.C. Un dos que visitamos presenta forma espiral.

A seguinte parada foi no Pazo dos Pedrosa, unha vivenda pertencente a unha familia nobre (descendentes do marqués de Pedrosa) construída no século XVI, situada nas proximidades da vila de San Cibrao. É moi curioso que nunha das paredes interiores da casa está incrustado un mascarón de proa de madeira dun barco.

Un pouco despois, paramos en San Tirso de Portocelo, un lugar con vestixios  de diferentes épocas históricas, comezando cun castro da Idade de Ferro. Posteriormente, sobre el construíuse un mosterio mediaval (século VIII) e, finalmente, unha igrexa do século  XVII. Todos estes restos están ubicados un sobre outro nun contorno moi fermoso da costa de Xove.

O quinto lugar visitado foi a Cova de San Xoán Vello, unha cova, probablemente de orixe mineira antiga con restos dunha antiga igrexa medieval situada no cantil da ribeira oeste da ría de Viveiro. 

O seguinte lugar que visitamos para coñecer a Historia da Mariña foi a espectacular Cova da doncela, una cova de orixe mineira, da que non se sabe a datación, que ten unha entrada bastante estreita. Para chegar ao final, é preciso atravesar un túnel cavado na rocha polo que hai que desprazarse encollido, pero merece moito a pena polas vistas da cavidade que dá ao mar. O que se ve desde o cantil é, fundamentalmente, o Fociño do Porco, un lugar moi visitado ultimamente cun percorrido de dous quilómetros por un carreiro que transcorre por unha lingua de terra no medio do mar con innumerábeis escaleiras.

E xa para ir rematando a ruta, dirixímonos á Mámoa de Guilán, un enterramento prehistórico no concello de Xove, preto do Cruceiro, do Neolítico ou da Idade do Cobre. Esta ten dentro un dolmen que se pode apreciar no alto da mámoa.

E última visita foi á Fundición de Sargadelos, que foi un complexo siderúrxico de fins do s.XVIII, a primeira siderurxia privada de España, industria á que se dedicou a fábrica antes de comezar coa cerámica.

Ao rematar, volvemos á casa claramente convencidos de que, aínda que parte dos mariñáns non a coñecen, a Mariña ten Historia, e moita.

Crónica de Andrea Santos Pereiro, Maruxía – IES PERDOURO 

Accede o albún de foto picando aquí.

12.1.18

Xa chegaron os calendarios do EDLG

Como cada ano, o ano empeza coa chegada dos calendarios de sobremesa e de marcapáxina do Equipo de Dinamización. Este curso foille encomendado esta tarefa ao alumnado de 4º de ESO de TIC. 
Como o 2018 é Ano Europeo do Patrimonio Cultural, o Equipo de Dinamización quixo por en valor a riqueza patrimonial da Mariña no seu calendario anual e así aumentar a concienciación dos alumnos en torno á historia local. Son 13 as fotografías escollidas entre moitas que se fixeron a raíz de dúas saídas educativas pola Mariña Oriental e Occidental. 
Esperamos que vos guste e vexades como "A Mariña ten historia" e moita.


11.1.18

Visita ao MUNCYT e patinaxe sobre xeo

Hoxe o alumnado de 2º de ESO viaxou ata Coruña para visitar ao MUNCYT (Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía) e participar nun obradoiro de AEMET. Dita actividade foi programada conxuntamente polos departamentos de Tecnoloxía e Física.
Para rematar o día as rapazas e rapaces gastaron moitas calorías patinando sobre xeo xunto o seu profesor de educación física na pista instalada no Maryneda City.
Para visualizar a reportaxe fotográfica pica aquí.

Campionatos San Xoán Bosco 2018

A Asociación Cultural Os Matos convoca os Campionatos San Xoán Bosco 2018 destinado ao alumnado de 1º e 2º de ESO.

Ao longo des mes de xaneiro, a competición faise nas seguintes categorias:
- individuais: 4 en liña e damas
- por parellas: puzzles
- por equipo: baloncesto e futbolsala

As finais e a entrega de medallas celebraranse o luns 5 de febreiro de 16h a 17h40.

Para anotarse, tedes ata o martes 16 de xaneiro. Animádevos.

10.1.18

Os incendios, o abandono do rural e a mudanza climática por Eloi Villada Legaspi

(Burela, 18 de decembro de 2017)

Entre as actividades da nosa Asociación Os Matos encóntranse as charlas, conferencias e encontros con diversos poñentes que nos axudan a coñecer un pouco máis a nosa realidade e o entorno no que vivimos desde diferentes puntos de vista: histórico, xeográfico, económico, social, cultural, patrimonial… conseguindo, deste xeito, varios obxectivos: valorar o que temos, respectalo e difundilo. 

Todos sabemos que un dos problemas graves que afectan a Galicia é o dos incendios forestais. Aínda temos na memoria as tristes imaxes ofrecidas polos medios de comunicación dos incendios do pasado mes de outubro, con perdas de vidas humanas e grandes zonas afectadas no aspecto ecolóxico e paisaxístico. 

Para falarnos desta problemática convidamos a Eloi Villada Legaspi a impartir unha conferencia na biblioteca do centro sobre “Os incendios, o abandono do rural e a mudanza climática” e destinada ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. O ponente naceu no rural e vive no rural, na parroquia de Fonmiñá -concello de A Pastoriza-. Estudou en Lugo Enxeñería Técnica Agrícola. Durante uns meses dedicouse a vender pensos compostos antes de gañar por oposición unha praza de Técnico da Axencia de Desenvolvemento Gandeiro, incorporándose á delegación de Galicia, na Coruña. No ano 1983 pasou a traballar no Servizo de Produción Vexetal de Lugo, onde empezaron co programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Monte Común, que durou ata o ano 2015. 

Entre outras actividades, viaxou a varios países para tratar temas relacionados co seu traballo como, por exemplo, unha estadía de formación en Holanda, de onde trouxo as bases para predesecar a herba para ensilar, ou unha viaxe a Irlanda, onde recibiu información do que se estaba facendo en produción gandeira en Francia, Reino Unido, Irlanda, Nova Zelanda e Estados Unidos. 

Durante 38 anos estivo en contacto directo co mundo agrícola, gandeiro e de preservación dos montes. Segundo palabras súas, a primeira etapa foi decisiva na miña formación, na Axencia de Desenvolvemento Gandeiro. Os cinco anos que estiven na Axencia permitíronme formarme, obrigándome a aprender inglés (en francés xa me defendía) e, sobre todo, tomar contacto cos investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e outros centros de investigación en diversos países do mundo

Actualmente está xubilado, pero segue en activo nos labores de divulgación. Desde a Presidencia da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes trata de contribuír a preservar as actividades nun mundo rural que sempre o fascinou e que aínda o emociona. Segue viaxando por diferentes países, buscando novas saídas e métodos para mellorar a calidade de vida no medio rural e, así, poder animar á xente nova a apostar por este mundo tan ligado a Galicia. 

Antón Niñe Fernández - Presidente. A.C. “Os Matos”

8.1.18

Nadal e propósitos

Entre o alumnado de 1º e 4º de ESO, coa axuda dunha aplicación chamada Notegraphy, redactamos os nosos propósitos para o 2018 e o que lles desexamos aos nosos familiares e amigos.

Escolleuse unha pequena selección para adornar o mural entorno ao Belén no hall de entrada do centro.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...