Barra de menú

21.6.17

Gran ano xadrecístico no IES Perdouro

No curso 2014/15 comezamos cunha iniciativa de promoción da cultura xadrecística no IES Perdouro co obxecto de  darlle unha certa estructura á práctica que deste xogo/ciencia se facía nos períodos de lecer. O condutor deste proceso sería un torneo aberto a todo alumnado que se disputaría durante o 2º trimestre do curso.

Aproveitamos a convocatoria dos contratos-programa para financiar o novo material de xogo que substituiría o escaso, envellecido ou incompleto dispoñible nese momento na biblioteca. Inscribíronse 23 alumnos e 1 única alumna entre a ESO e o Bacharelato.

Dous cursos despois a semente prendeu, e o xadrez entrou a formar parte como materia de libre configuración de 2º da ESO no currículo do IES Perdouro. Incluíuse tamén como actividade semanal do grupo de alumnado estranxeiro, utilizando o xadrez como ferramenta de integración social, nunha experiencia moi enriquecedora que deu pé a este outro artigo. Convocamos a 3ª edición do noso Torneo con 42 participantes, 34 rapaces e 8 rapazas e organizamos o I Encontro Xadrecístico co IES María Sarmiento de Viveiro, unha actividade moi divertida consistente nun torneo a 5 rondas con partidas a 5 minutos que resultou ser de gran valor educativo.

Hoxe o noso centro conta con taboleiros de xadrez nas aulas de 2º da eso para seren utilizados tanto para uso didáctico como lúdico (o próximo ano extenderase ás de 3º), abundante material na sala onde se desenvolve o torneo e se dan aulas da materia de Xadrez e varios reloxos de competición e bibliografía especializada que se foi incorporando progresivamente á biblioteca do noso centro.

III Torneo de Xadrez do IES Perdouro

Na edición deste ano, na que concorreron 42 persoas, o torneo foi canalizado como novidade polo chamado “Sistema Suízo” de emparellamentos, sistema polo cal os/as participantes tenden enfrentarse a outros/as do seu nivel. O peso da organización do torneo caeu sobre o alumnado de Xadrez de 2º da ESO, poñendo en práctica aspectos propios do currículo da dita materia. O seu traballo foi excelente, facendo especial mención á entrega, constancia e boa xestión de Sergio Alonso e Alejandra Alonso.


Chegouse a 5º ronda con Paula Enríquez Barcia, Luís Carlos Graça Silva e Efrén Rouco Valea como únicos xogadores imbatidos, polo que se armou unha ronda final entre os 3 que coroaría ao vencedor ou vencedora do torneo.


A primeira partida da final foi unha homenaxe a Paula Enríquez. É unha gran noticia que unha rapaza de 1º da ESO dobregara a xogadores máis expertos do bacharelato e consiga chegar en cabeza á última fase do torneo. Como recoñecemento, Luís Carlos achegouse a aula de Paula para disputar a partida final diante dos seus compañeiros/as. Nesta partida Paula gozaba de vantaxe no medio xogo, mais a experiencia de Luís Carlos púxolle en bandexa a execución dun truco táctico cunha trampa agochada, trampa na que Paula caeu. O final foi espectacular debido ao pouco tempo que lles restaba aos dous. A falta de 8 segundos, a clase xa en pé, asistía ao xaque mate que daba a victoria ao portugués


A segunda partida entre Efrén e Paula tamén foi de ida e volta. Parecía que Efrén tiña vantaxe clara de material, pero Paula aguantou moi ben a presión e cunha gran remontada conseguiu a victoria.


Na terceira e última partida Luís Carlos e Efrén xogaron para determinar o campionato. Se gañaba o primeiro, el sería o campión, senón habería un triple empate entre os tres finalistas. Finalmente Luís non deu opción a Efrén. O III Torneo IES Perdouro xa tiña vencedor.


O campión e subcampioa deste ano foron 2 casos moi especiais. O primeiro por ser un alumno recén chegado ao instituto procedente do país veciño, para o que o xadrez constituiu un espazo favorecedor da a súa integración, onde coñeceu xente e fixo amigos.



A segunda por se tratar da máis nova das participantes e por situar no máis alto a valía competitiva das rapazas nun contexto historicamente masculinizado como é o do xadrez. Para el e para ela buscamos un recordo fotográfico coa súa clase.





I Encontro Xadrecísitico IES Perdouro vs IES María Sarmiento

O IES María Sarmiento incluíu este ano o xadrez como materia de configuración de 1º da ESO o que permitía organizar unha actividade compartida entre dous institutos mariñaos que tivera como centro o noso xogo. A iniciativa xurdiu xa co curso bastante avanzado e procuramos simplificar a actividade o máximo posible. Finalmente acordamos deseñar un torneo de partidas rápidas de 5 minutos a 5 roldas, co alumnado mesturado no que houbera un recoñecemento  aos gañadores/as de cada centro e ao gañador/a absoluto/a.

O venres 2 de xuño, xornada previa ás festas de Burela, o alumnado do IES María Sarmiento achegouse ata a nosa vila para disputar este encontro xadrecístico. Cómpre destacar o clima de compañeirismo e deportividade que se mantivo durante todo o torneo. A xestión do tempo cumpriuse á perfección e restaron os 10 minutos necesarios para a entrega de premios e agasallos.


Desde un punto de vista educativo, a experiencia foi moi completa. Tocamos dunha ou outra forma aspectos fundamentais do currículo da materia. Coa formalidade dada o evento, o alumnado puido aprender como funciona un torneo oficial Blitz, regras básicas de tempo, alternancias de brancas e negras, desenvolvemento dun Sistema Suízo de emparellamentos, criterios de desempate, etc.

Por último agradecemos a colaboración do árbitro do Torneo, o noso campión local Luís Carlos Graça Silva, que levou moi ben a súa función con atención cercana, independencia e imparcialidade.


Xa dentro da competición, o alumnado burelao demostrou unha maior experiencia (son dun curso superior) e copou as primeiras posicións, coa excepción de Luís Takeshi Rosanes e Jorge Fanego que quedaron 2º e 6º respectivamente. De feito, Luís Takeshi puido loitar pola victoria, de non ser porque na 3ª rolda cometeu a 2ª xogada ilegal cando tiña táboas simplemente deixando que o tempo se esgotara.

O Torneo decidiuse na mesa 1 da 5ª rolda coa partida entre Sergio Alonso e Borja Lorenzo, que finalmente conquistou o título sendo o único xogador que fixo pleno de victorias.

Para determinar o campión do IES Perdouro, houbo que recorrer a un desempate entre Luis Pernas, Sergio Alonso e Raul López, os tres con catro victorias, saíndo favorecido Luis que finalmente levou o trofeo.

Sem comentários:

Enviar um comentário