29.4.17

Concerto de Canto da Municipal de Música de Burela

O mércores, 26 de abril, recibimos a visita na aula de música dun grupo de profesores e alumnos de canto da Escola Municipal de Música de Burela. Viñeron acompañados polo director da Escola, o músico e compositor Xan Carballal.

A finalidade deste concerto foi presentarlles aos rapaces o taller de canto que se vai desenvolver na Escola a partir do xoves 27 de abril durante todos os xoves ata o mes de xuño.

Este taller está impartido pola profesora Irina Bunkova e vai dirixido a todas as persoas que estén interesadas en aprender a cantar (teñan ou non coñecementos musicais). É totalmente gratuíto.

Ofrecéronos un concerto moi interesante onde a profesora Irina nos foi presentando os diferentes tipos de voces e as súas características, así como moitos outros aspectos relacionados coa voz.

O repertorio que disfrutamos foi diverso e variado, dende un espiritual negro “ Go down Moses”, a capella, ata repertorio belcantista (Bellini) lied romántico (Schubert) pasando pola canción napolitana (Tosti) e acabando na zarzuela española do XIX (J.Serrano, La canción del Olvido).

Os intérpretes foron:

    Irina Bunkova, profesora de canto e soprano
    Xulia Nogueira, profesora de cello e alumna de canto (mezzosoprano)
    Bruno Pedre, alumno de canto (tenor)
    Javier Coria, alumno de canto (baixo)
    Silvia Amigo, profesora de piano (piano acompañante)

Os rapaces disfrutaron moito desta actividade, seguro que máis de un se anima a probar...

A escritora Iria Misa en BiblioPerdouro


Co gallo de celebrar o Día do Libro, o luns 24 de abril achegouse ao IES Perdouro Iria Misa para encontrarse co alumnado de 3º PMAR e 4º de ESO. A escritora naceu o 23 de febreiro do ano 1983 en Gondomar. Actualmente vive en Baiona e é profesora de Inglés de Educación Secundaria.
O seu soño dende pequena sempre foi o de ser escritora e, despois de varios anos escribindo e perfeccionando cada unha das frases e textos que redactaba, conseguiu, por fin, acabar a súa novela Xa non estou aquí.

Este libro trata dunha rapaza que repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais. A protagonista, Ánxela, tense que enfrontar aos conflitos de personalidade propios da adolescencia. Á parte deste tema, trátanse moitos outros como as drogas, a homosexualidade, a relación cos pais… Trátase dunha historia intrigante, de lectura fluída pero que agocha unha temática moi complexa.

Iria xa se presentara a algún que outro concurso cos seus relatos, ata que decidiu envialos ao Jules Verne de literatura xuvenil convocado pola editorial Xerais. E non só gañou a edición 2016, senón que chegou á final con dúas das súas novelas.
Contounos que as súas obras a acompañan durante moito tempo ata que senta a redactalas e a perfeccionalas pouco a pouco durante uns cantos meses ata obter o resultado que ela desexa ter ou un resultado mellor do que imaxinaba.
Tamén nos comentou un pouco por enriba algún dos temas que trata na súa próxima novela que sairá á luz antes de que acabe o 2017. Contounos tamén que tiña ganas de escribir literatura para adultos, pero que aínda non sabía como facelo, así que polo momento seguirá escribindo literatura xuvenil. 

Yaiza Rivas- 3º ESO

Accede ás fotografías no noso albúm

28.4.17

Concerto didáctico en Lugo - 3º ESO

O 27 de abril os alumnos de 3º ESO e o grupo GAE asistiron a un concerto didáctico no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

A proposta didáctica deste concerto foi desenvolvida e presentada polo musicólogo e compositor Xoán Xil López.

O título desta proposta, “Six japanese gardens” (seis xardíns xaposneses) fai referencia á obra dunha das compositoras que poidemos escoitar, a finlandesa Kaija Saariaho, quen en 1993 compón unha serie de seis minaturas con este nome, como consecuencia das impresións que recibe tras unha viaxe a Xapón.

O espectáculo combina danza contemporánea, percusión e música electrónica.

O fío conductor das seis pezas é a influenza doutras culturas, non occidentais, en compositores contemporáneos, e como a integran nas súas obras.

O programa foi o seguinte:
  • Kaija Saariaho I: Tenju-an Garden of Nanzen-ji Temple (Six Japanese Gardens) (1995) percusión, electrónica e danza
  • Christos Hatzis Fertility Rites I (1997) marimba, electrónica e danza
  • Luis Antunes Pena  Tres quadros sobre pedra I  (2008) pedras, percusión, electrónica e danza
  • Pablo Beltrán Na procura do Sisili (2015) cuarteto de percusión, electrónica e danza
  • John Luther Adams Giving Birth to Thunder (Coyote builds North America) (1990) cuarteto de percusión e danza
  • Kaija Saariaho V: Moss Garden of the Saiho-ji (Six Japanese Gardens) (1995) percusión, electrónica e danza 
As coreografías estiveron a cargo de Alba Felpete, Ana Belén Ferreiro, Reyes González e Xiana Vilas.

A interpretación en directo estivo a cargo do grupo de percusión do Conservatorio Profesional de música Xoán Montes e do grupo de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

O concerto tivo unha favorable acollida por parte do alumnado que se deixou sorprender por un tipo de música e danza pouco habitual para eles.

Obradoiro escritura medieval

Na tarde do luns 24 de abril, no horario de tarde, tivo lugar, nas aulas do Instituto, un obradoiro baseado na cultura medieval e destinado aos cursos de 2º ESO e GAE.
Foi unha actividade de escritura medieval a cargo de GaliPat Servizos Culturais. Ensináronnos cando e onde naceu, o primeiro tipo de escritura, onde se facía e como.
Entre moitas cousas que nos contaron,o mais destacado foi que:
- A escritura naceu na Prehistoria como un petroglifo e pinturas rupestres.
- Os mesopotámicos (escritura cuneiforme), exipcios (xeroglíficos) e romanos crearon os diferentes tipos de escritura.
- A invención da escritura foi para poder contabilizar.
- Facíase, inicialmente, en peles de animais, papiros, sobre pedra ou sobre pequenas pizarriñas (inventadas polos romanos).
- As letras capitulares usábanse para diferenciar  cada capítulo cando non existían os puntos.
Realizamos o alfabeto da época con plumas e plumiñas e unha letra capitular,pintada con ceras acuareables, cales pasaríamoslles auga cun pincel. Foi unha maneira de comprobar o dificultoso e lento e se facía nesta época.
Ao final de todo, escolleríanse os dez mellores traballos e as dez mellores letras capitulares.
                       
Yaniss Dos Santos.- 2º A

Accede ás fotografías no noso álbum.

Obradoiro da prehistoria

O luns 24 de abril, os alumnos de 1º da ESO participamos nun obradoiro sobre a Prehistoria.
Dous monitores arqueólogos da GaliPat Servizos Culturais foron os encargados de explicarnos a evolución do home ao longo da prehistoria e as etapas polas que foi pasando. 
Nunha exposición mostráronnos varios obxectos e utensilios que empregaban nesta época, tales coma: arcos, peles de animais, pedras para facer o lume, machados, adornos, etc.
Na segunda parte aprendemos a facer lume de dúas maneiras diferentes, ao xeito primitivo: unha frotando dúas pedras duras ata producir chispas e a segunda: frotando un pao contra a outro , coa axuda dun pequeño arco que aceleraba a fricción, así formaba unha pequena brasa que ao colocala en palla moi seca, prendía.
Toda unha experiencia!!!

Manuel González.- 1º B

Accede ás fotografías no noso álbum.

27.4.17

Charla sobre desigualdade e violencia de xénero

Ana Belén Pacio Rodríguez, Xefa da Unidade conta a violencia sobre a muller, impartiu esta mañá na biblioteca do centro unha conferencia "Pola igualdade, pola non violencia" destinada ao alumnado de 2º de ESO e de 1º de Formación Profesional Básica para informalos sobre descriminación e violencia de xénero.
Esta actividade forma parte do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, e ten como obxectivo sensibilizar o noso alumnado contra a violencia de xénero e estereotipos sexistas para destacar a importancia da educación en valores e coñecer os modos de previlos e denuncialos.

Loly Chas, orientadora do centro burelés, destaca que os centros educativos teñen un rol fundamental para vencer estereotipos. "A educación entre os rapaces é a ferramenta máis efectiva para combater a desigualdade e previr a violencia de xénero. Desgraciadamente queda aínda moito por facer e seguiremos traballando a diario os valores de igualdade entre homes e mulleres e desmontando modelos "machistas" aínda moi presentes en cancións e programas televisivos."

Loitemos entre todos para erradicar a violencia de xénero.

8.4.17

Xanela novidades: día do libro

Co gallo do día do libro, BiblioPerdouro recoméndovos estas novidades recen adquiridas. A gozar da lectura destas múltiples aventuras, protagonistas e curiosidades da física ou da economía sen deixar de lado as estratexias para xogar ao xadrez!!!

6.4.17

Mosteiros e conventos da Mariña de Lugo, un traballo de investigación

Esta mañá tivo lugar na biblioteca o acto de presentación dun traballo elaborado polo alumnado de 2º de Bacharelato. Antón Niñe foi o coordinador e quixo coa axuda do Concello de Burela poder plasmar este traballo de investigación nun díptico que leva por título "Mosteiros e conventos da Mariña de Lugo".
No acto presidido polo alcalde, Alfredo LLano, os alumnos de 2º de Bacharelato explicaron como se desenvolveu o traballo colaborativo e de investigación entre eles. Uns desprazáronse para sacar fotos dos templos e outros entrevistáronse cos curas.  
De Mondoñedo, referenciaron o Convento da Concepción, o Convento dos Picos, e o Convento de San Pedro de Alcántara. En Lourenzá, fálannos do Mosteiro de San Salvador. En Ribadeo citan o Convento de Santa Clara e a igrexa de Santa María do Campo. En Foz, reseñan a Basílica de San Martiño. En Viveiro, non esqueceron o Convento de Valdeflores, o Convento da Concepción e o Convento de San Francisco. E no Vicedo quedan os restos do Mosteiro de San Miguel.

De cara a Semana Santa, vanse imprimir 2000 exemplares para poder repartir entre as oficinas de turismo das localidades.

Accede o noso albúm fotográfico aquí.

1.4.17

Coloquio con ex-parlamentarios dos tres grupos políticos

O Dpto. de Xeografía e Historia programou o encontro anual entre 3 ex-parlamentarios e os alumnos de 4º de ESO e 2º ESO de Oratoria. A actividade enmarcase dentros das actuacións promovidas polo Parlamento de Galicia e pola Asociación de Exparlamentarios/as. A charla-coloquio tivo lugar o xoves 30 de marzo na biblioteca do IES Perdouro.

Neste acto participaron os exdeputados Sergio López García (PPdeG), Ismael Rego González (PSdeG-PSOE) e Carlos Fernando Branco Parga (BNG). Logo dunha breve presentación, os ex-parlamentarios mantiveron cos alumnos un coloquio moderado por Bríxida Pino, profesora de Historia. 
Esta charla-coloquio ten como finalidade que os alumnos do centro educativo coñezan o Parlamento de Galicia. Con ese fin, os exparlamentarios relataron en qué consisten as funcións da Cámara autonómica, a súa composición e órganos, e contestaron as preguntas dos asistentes, algunhas delas comprometidas e de dificil resposta.  Previamente o encontro, os alumnos visionaron unha proxección audiovisual, que fai un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.
 
Recorte de prensa da Voz de Galicia do 01/04/17
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...