25.1.17

"Cousas" de Castelao por Os Quinquilláns

En colaboración coa Editorial Galaxia, a compañía teatral Os Quinquilláns estivo en Burela cunha proposta teatral e literaria destinada ao alumnado de 4º ESO e Bacharelato dos dous institutos de Burela, "Cousas" de Castelao.
O luns 23 de xaneiro, os equipos de normalización e dinamización lingüística dos institutos, quixeron achegar ao seu alumnado a obra dun creador clave na cultura galega promovendo a lingua e creando público para o teatro.
O libro homónimo de Castelao é a base dun texto no que Lucho Penabade e Tero Rodríguez recollen os grandes temas abordados polo autor rianxeiro, desde a soidade ao amor pasando pola amizade, a solidariedade, a emigración, a xustiza social ou a enfermidade.
O fío condutor do espectáculos de Os Quinquilláns son dous protagonistas: Teresa, servidora fiel, que coidou durante décadas a irmá máis nova de Daniel Castelao, é a última habitante do domicilio en Rianxo; e o veciño Xosé, mestre, historiador local, pintor e director da compañía de teatro de Rianxo onde Teresa traballa de actriz. Sobre eles gravita toda a trama. Tras o falecemento da última Castelao, vaise pechar a casa e ábrese un futuro incerto para todo o que alí se garda. Teresa a Xosé despídense das cousas lembrando os contos que naceron a carón delas.  Son membros do grupo de teatro local que transforma algúns dos contos da obra de Castelao en pezas breves a través de técnicas como teatro de actores, de máscaras, de títeres, de obxectos, de sombras ou narración oral... todo pensado para que se consiga un dos grandes obxectivos da proposta: a maxia da reinterpretación, das lecturas, da imaxinación...


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...