28.12.15

Viviane Furtado, entrevistada no Sermos Galiza

Baixo a coordinación da escritora Marga do Val, o destacábel A Fondo do semanario Sermos Galiza correspondente ao 24 de decembro de 2015 estivo dedicado monograficamente en homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas. Tres das páxinas -entre elas as dúas centrais- de lembranza ao autor das Memorias dun neno labrego están protagonizadas por unha delegación intercultural que visitou a Fundación Neira Vilas na primeira semana do mes de marzo deste mesmo ano.
Nas páxinas centrais, a propia escritora Marga do Val publica os "Anacos dunha conversa con Viviane Furtado Brito" e dá así a coñecer en primicia os traballos da primeira tradución da máis importante obra de Neiras Vilas a unha lingua africana, responsabilidade que asumiu a moza entrevistada.

A dupla páxina, transcríbese unha conversa entre Marga do Val e Viviane Delfine Furtado, alumna de 2º de Bach. do IES Perdouro de Burela que coñeceu Neira Vilas en marzo deste ano, cando visitou a Fundación acompañada dos seus compañeiros e compañeiras. Nesta entrevista, a moza orixinaria de Cabo Verde dá conta da encomenda que lle deixou Neira Vilas, a tradución de Memorias dun neno labrego a unha lingua africana.
 
Desde Sermos Galiza

“Esta terza feira 5 de xaneiro fanse 55 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, o maior ‘best-seller’ da literatura galega, que ten sido traducido a ducias de linguas. Tal e como lle dicía o propio Neira Vilas a Sermos nunha entrevista do pasado outubro, “Memorias vai máis alá de min. Como di Freixanes: “Balbino desbórdate”, non precisa de min. Leva uns 800.000 exemplares vendidos, por diferentes edicións. Síguese reeditando moito, non paro de asinar exemplares por aí adiante. Unha señora de Ponteareas tróuxome hai pouco sete exemplares para diferentes nenos”. Contábanos tamén, orgulloso, que se estaba a traducir nese momento ao xaponés, ao esperanto en Nova York e tamén á lingua aborixe de Cabo Verde por Viviane Furtado, quen nunha entrevista con Sermos afirmaba que “a pesar de que a súa infancia transcorreu no interior galego e a miña nunha illa africana, hai moitas vivencias en que me sinto identificada com el”. En Galaxia xa vai pola 35ª edición, e subindo. Pero a primeira edición saíu do prelo por vez primeira un 5 de xaneiro de 1961 en Bos Aires da man da editorial Follas Novas. A cuberta orixinal fora deseñada por Luís Seoane e a editora fora creada en 1957 polo propio Neira e a súa muller, Anisia Miranda. Aínda que, tal e como afirma a Academia Galega, “o grande éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Castro”.”


14.12.15

Obradoiros Imaxiña 2015

O Festival Audiovisual da Mariña, Imaxiña 2015, que organiza a Fundación Imdecum estivo presente nas aulas do IES Perdouro co artista burelao Davixino como padriño do certame e coa colaboración do realizador audiovisual focego Manuel Gil.

Manuel Gil foi o encargado dun obradoiro de iniciación á fotografía de 2 horas de duración onde compartiu experiencias, coñecementos e sobre todo a súa ilusión e paixón pola arte co alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach. Os rapaces/as aproximáronse ás técnicas fotográficas, traballando sobre o encadre, as fotos con móbiles e cámara dixital..., pero tamén coñeceron as propostas de edicións anteriores, incidiron na mirada propia de cada persoa. 

DaviXino visitou o centro o pasado luns 14 de decembro e achegou o mundo do debuxo e a historia da arte da cerámica de Sargadelos ao estudantado, e abordou o bosquexo como principio esencial de todas as artes.

Na iniciativa audiovisual, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o alumnado poderá dar renda solta á súa creatividade a través do concurso final, en dúas categorías, fotografía e vídeo, ata o 30 de decembro. Coa chegada de 2016, a Fundación Imdecum fará público o nome dos gañadores, que recibirán unha cámara fotográfica como premio, na exposición dos traballos seleccionados.

Información recollida da web de Imdecum.

11.12.15

Novo mobiliario en BiblioPerdouro

Contamos cunha pequena ampliación na biblioteca: unha nova estantería multicor para a colección da literatura xuvenil. Aproveitamos os cantos do moble como expositor para as novidades. Esperamos que vos guste!




7.12.15

Visita formativa en Navantia

Os alumnos do Ciclo Medio de Mecanizado e de FP Básica viaxaron ata Ferrol para visitar  Navantia, un estaleiro de construción naval militar.

Os alumnos puideron ver o funcionamentos dos tornos, fresadoras e outras maquinarias que empregan para mecanizar as grandes pezas que se necesitan para construír embarcacións. Logo, percorreron en autobús distintos diques de construción e reparación. Explicáronlles como se constrúe un barco por compartimentos, grandes cubos, que se dedican a cociña, a camarotes, a comedor, etc e que se van colocando na embarcación no dique de construción. Unha visita interesante e impresionante pola amplitude das súas instalacións.

3.12.15

Obradoiros medioambientais de GAIA

Eficiencia enerxética con Gaia no IES Perdouro


g-pAs monitoras do Centro Gaia do Concello burelés levan a cabo no IES Perdouro actividades de sensibilización sobre o aforro enerxético e a eficiencia enerxética para alumn@s de 4º de ESO e PDC. Este martes 1 de decembro foi a primeira das tres charlas que se desenvolven ao longo desta semana. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, “estas actividades pretenden sensibilizar á sociedade en relación co aforro como camiño para avanzar cara un escenario de consumo enerxético responsable que contribúa a asegurar un sistema enerxético sustentable en liña cos obxectivos europeos”.

1.12.15

Día da Sida - mesas informativas no Perdouro

Co propósito de conmemorar o día da Sida, instaláronse dúas mesas informativas nas entradas do pavillón central e no pavillón inferior co material enviado pola Unidade de drogodependencia de Burela. Ademais repartíronse preservativos e bolígrafos entre o alumnado de bacharelato e Ciclos Formativos.

Concerto didáctico en Santiago - 2º ESO e 4º PDC

O pasado mércores, día 25 de novembro, os alumnos/as de 2º ESO e 4º PDC viaxaron ata Santiago para asistir ao Concerto Didáctico AccESO a Cine Europa da Banda Municipal de Música de Santiago, incluído dentro do ciclo de cine Cineuropa, no que se interpretaron bandas sonoras acompañadas de imaxes de películas. Neste ocasión, a Banda Municipal de música de Santiago foi a encargada de poñerlle música ás curtas "O Xigante" de Nani García e "Mejor pídelo tú" de M. Muñoz Gascón, así como de interpretar outras bandas sonoras como Jurassic Park, Los Picapiedra e The Simpsons. 

"O Xigante" mostra a fantástica viaxe que é crecer. Unha curta que simboliza o corazón de todos os pais que a través da súa mirada revelan o mundo aos seus fillos, axudándolles a construír o seu propio universo.

"Mejor pidelo tú". Que pasaría si todos os desexos que pediches ao longo da túa vida fanse realidade neste mesmo instante? Paulo desde moi pequeno converteuse nun adicto aos desexos pero como nunca se lle cumprían deixou de pedilos...ata agora...
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...