1.6.15

Cova do Rei Cintolo

O pasado venres 29 de maio os alumnos de 1º de bacharelato que cursamos a materia de bioloxía desprazámonos ata Mondoñedo para visitar a Cova do Rei Cintolo, acompañados por Montse Freire, profesora de bioloxía; Manuel Vilariño, profesor de matemáticas e Mª José Fernández, profesora de educación física. Esta cova é a máis grande de Galicia, con case sete quilómetros explorados e máis de quince quilómetros de galerías. Trátase dun sistema cárstico, formado como consecuencia da disolución das rochas calcarias.
Nada máis chegar tivemos que vestir uns traxes apropiados para a ocasión, un casco con luz e unhas luvas de coiro. Xa estabamos listos! O noso guía chamábase Abel Vigo, foi quen nos instruíu sobre a nosa seguridade alí dentro e sobre as curiosidades máis destacables da cova. Ensinounos ringleiras de estalactitas, algunhas estalagmitas, columnas, coadas, bandeirolas e incluso gours. Foi realmente interesante toda a información que nos contou. Falounos tamén do noso antepasado do paleolítico que foi atopado alí e, ademais, da actual entrada á cova, que se supón máis recente aos restos atopados, polo que sabemos que antigamente se entraba por outros lugares que, actualmente, están sepultados.
Estivemos dentro da cova por máis dunha hora e media e percorremos en total 300 metros. Adentrámonos por unha galería na que tivemos que descender unhas impresionantes baixadas para chegar á sala de choivas, onde comezamos o camiño de volta, xa máis doado, probablemente debido a que xa nos acostumáramos a camiñar pola zona.
Cando rematou a visita e chegamos fóra, decatámonos de todo o que nos ensuciáramos, estabamos cheos de lama! Algúns chegaran a romper o traxe que nos fora dado anteriormente, mais mereceu a pena polo ben que o pasamos e todo o que aprendemos. Unha viaxe extraordinaria que, sen dúbida, nos encantaría repetir!

 Eva Pernas – 1º Bach B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...