31.10.13

Inés e Silvia, reporteiras para Radio Burela

Non vos perdades.... Radio Burela facendo eco das actividades desenvolvidades no IES Perdouro.....

As alumnas de 4º de ESO, Inés e Silvia, narran as súas impresións en Radio Burela despois de visionar a longametraxe Shoots from Abissinia de Ovidio Fernández protagonizada por Abdul, o seu fillo etiope adoptado, que fai unha viaxe as súas orixes.
Miruca Parga, coordinadora do ENDL, da a coñecer á audiencia de Radio Burela unha das actividades programadas polo seu departamento e comparte o valor didáctico tanto técnico, social, cultural como lingüístico deste filme documental. 


Informo que estará disponible o DVD en breve na biblioteca do centro.

Escoitade a entrevista en Radio Burela na seguinte ligazón a partir do minuto 18'     http://www.ustream.tv/recorded/40347603

Crónica de Aitor López Anello do documental "Shoots from Abyssinia"

Algunhas veces teño pensado: Se estamos entre os países máis desenvolvidos, cales son as nosas responsabilidades con respecto ao resto do mundo? Cal é o futuro que espera a África? Hai esperanza para África, a pesar dos intereses económicos dos usureiros?

Moitas das respostas a estas preguntas atopeinas este luns pola mañá na biblioteca do Perdouro. Parece incrible, mais é certo: asistín á proxección dun dos mellores e máis humanos documentais que vin na miña vida e despois puiden participar nunha charla-coloquio que me resultou moi instructiva e gratificante.

Moitas veces cando un pensa en África ten a idea da fame, a pobreza extrema, a corrupción… Mais África non é só iso. Esa é unha das mensaxes do Documental “Shoots from Abyssinia”, que nos mostrou que aquel continente ten esperanza, que en África hai xente que vale e que a mellor das actuacións responsables de occidente é deixalos en paz. Porque, cada vez que se nos ocorre unha brillante idea “para o seu propio ben”, acabamos desfacéndolles medio país.

O documental está feito por Ovidio Fernández, un galego de Navia de Suarna. Este cámara de TVE en Galicia un bo día decidiu adoptar un rapaz etíope. Cando foi alá para ver o rapaz por primeira vez, quedou prendado do país e da xente. Catro anos despois, pensaron en retornar a Etiopía para que o rapaz coñecese a súa cultura. O pai adoptivo púxose á frente da expedición e levou un dos seus bens mais prezado, a cámara de vídeo.

“Shoots from Abyssinia” conta como Abdul retorna ao seu país, como se reencontra coa súa xente e como coñece todo o norte de Etiopía. A viaxe comeza na capital, Addis Abeba, onde Abdul se reencontra cos amigos da infancia nun centro para nenas e nenos orfos. Despois, seguindo a folla de ruta do explorador portugués Pedro Páez continúa a viaxar polo norte do país e a coñecer a historias do mesmo.

O documentario mostra un Estado que en oito anos pasou de estar na pobreza extrema a ter un futuro francamente esperanzador. Etiopía pode parecernos un estado pobre, sen recursos, un estado de fame, mais é unha nación que comeza a levantarse, un país en que os nenos e nenas comezan a ir en masa á escola. Iso chamoume moito a atención, porque eu penso que a base dun país non está nin na economía nin na sanidade, senón na educación. Polo que se ve no vídeo, Etiopía e un país onde comeza a nacer unha clase media acomodada, un país onde comezan a existir boas redes de comunicacións (estradas, liñas de teléfono…). Tamén é certo que o documento nos mostra a outra prespectiva: a do país subdesenvolvido, con moita pobreza, sobre todo no campo.

De todo o que escoitei nesta magnífica conferencia, quédome cunha frase clave: “o único que Etiopía (e África en xeral) piden ao mundo desenvolvido é que este deixe de meter a gadoupa ”. Tárdame que se edite a segunda parte, que nos anunciou o director. Mentres tanto, moitas grazas Ovidio!

Aitor López Anello. 1º Bach A. Opinión publicada na prensa dixital  Crónica3 o 31/10/2013.

Concurso de cabazas - Samaín 2013

Celebramos o ano novo celta co concurso de cabazas.


30.10.13

Macarena Ledo, reporteira para Radio Burela - Samaín 2013

Non vos perdades.... Radio Burela facendo eco das actividades desenvolvidades no IES Perdouro.....

A alumna, Macarena Ledo, de 4º de ESO é entrevista en Radio Burela pola súa actuación e colaboración con BiblioPerdouro na xornada de  celebración do Samaín - Lectura terrorífica no recreo - , e ademais fai en directo un avance do fragmento dun relato de Edgar A. Poe, texto seleccionado e preparado coa axuda da súa profesora de Música, Dolores Otero. 

Atentos a partir do minuto 28':http://t.co/1sqszDBfmH (fixádevos que ben o fai!)

29.10.13

Proxección do filme documental "Shoots from Abyssinia" de Ovidio Fernández

Hoxe, 29 de outubro, Ovidio Fernández Sánchez visitou a biblioteca do IES Perdouro de Burela para presentarnos o seu filme documental "Shoots from Abyssinia". O título fainos reflexionar sobre a súa posible tradución: disparando desde Abisinia mais non con balas sinon coa cámara ao lombo. Etiopía, a antiga Abisinia narrase nesta viaxe ó interior do corno de África.


Ovidio Fernández traballou como cámara de TVE en Galicia e decidiu realizar esta gravación polo norte de Etiopía para mostrar unha viaxe na que un dos seus fillos adoptados vai en busca das súas orixes. Coa voz de Abdul vainos presentando unha Etiopía liberada dos tópicos, Guíamos polas súas cidades, aldeas, templos, etnias, paraxes.... ata chegar á fontes do Nilo Azul onde ten lugar un simbólico bautismo do protagonista.

Os alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistiron á proxección e realizaron algunhas preguntas sobre a seu contido.

Trátase dun documental de 100 minutos que resultou interesantísimo e que nos achegou á verdadeira situación de Etiopía na actualidade.

Para información sobre Ovidio e a súa longametraxe: 

28.10.13

Samaín - recomendacións de lectura para pasar medo

Se queres pasar medo, terror e espanto, pásate pola biblioteca e lévate un dos libros da nosa selección. Bótalle un ollo!!

Samaín - facendo ambiente

O alumnado de 1º de ESO estivo encargado de ambientar o centro co propósito de celebrar Samaín, o aninovo celta. A súa tarefa consistía en reciclar e reutilizar os resíduos para idear un conxunto de decoracións. Botes de iogures, de leite, latas, tubos de papel convertéronse en morcegos, arañas, caveiras, esqueleto, cabazas, pantasmas e lámpadas.

Mirade que creativos foron!!!!

22.10.13

Barco "Muralla de Lugo" no Perdouro

Co motivo do 20 aniversario da Asociación cultural Os Matos, estivo atracado no Perdouro o barco "Muralla de Lugo" da Deputación co próposito de achegar o alumnado do centro ao mundo natural e de sensibilizalo e concienciarlo do patrimonio cultural, natural e etnográfico da provincia.
O obxectivo desta aula móbil medioambiental é dar a coñecer a provincia de Lugo, as súas reservas da biosfera, os produtos autóctonos e as feiras e festas da provincia, ademais de contribuir a promocionar a muralla de Lugo, no décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

O barco pesa 3.500 quilos e conta cunha dimensión exterior total de 12 metros de longo e 5 de alto e foi construído por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro, sendo as súas cores o vermello, o azul mariño e o verde. No seu interior conta con todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico cedido polas confrarías da Marila e Viveiro. Ten unha parte expositiva con capacidade para 40 paneis de fotografías, na que se atopa unha sección de imaxes que aportou a asociación 'Terra de Viveiro', e entre as que destaca a fotografia máis antiga que se conserva do porto viveirense.

Os perigos de internet en cómic do Valedor do Pobo

O Valedor do Pobo e a Consellería de Traballo e Benestar acaban de publicar  Os perigos de Internet, un cómic de El Patito Editorial.
Lembra conectarte sempre de forma segura:
  • Coa lectura do tebeo aprendemos que non debemos facilitar os nosos datos persoais a calquera persoa que no lo pida.
  • Non deberemos enviar fotografías (nen nosas nen dos nosos compañeiros) a terceiros.
  • Debemos informar aos nosos pais de con quen e de como nos conectamos.
  • Sería moi bo facer aos pais partícipantes dos nosos lugares nas redes sociais para que poidan protexernos de calquera que nos queira facer mal ou enganarnos.

Podes descargar o PDF aquí.

21.10.13

Xestión sostible da auga - GAIA

Mª José e Begoña, monitoras de GAIA (a aula mediombioental do Concello) deron comezo a un ciclo de charlas sobre educación medioambiental no Perdouro destinadas ao alumnado de 3º e 4º de ESO.

Esta semana, trataron a temática da auga e da súa xestión sostible co obxectivo de informar sobre a cantidade de auga apta para o uso humano no noso planeta, reflexionar sobre os usos que facemos da auga e informar sobre as diferentes medidas de aforro da auga.
Puntos tratados:
- Distribución da auga na terra.
- Consumo de auga ( procesos industriais,actividade mineira,agricultura e ganadería,actividades recreativas,extinción de incendios,etc.
- Consumo por sectores.
- Distribución do consumo de auga nos fogares.
- Ciclo da auga ( captación,Etap,Rede de saneamento,Edar,Emisario).
- Problemas da falta de auga.
- Instalación de perlizadores e reductores de caudal.

15.10.13

Momentos de lectura, participa! #estoulendo ...

Concurso nas redes sociais: Indícanos cal é o teu momento, lugar ou postura de lectura favorito participando co hashtag #estoulendo ... boca arriba, as escuras, no sofá, debaixo da miña mantiña, cunha taza de chocolate..... Deixádevos levar!!!  Prazo: 25 de outubro . 
Premio para quen consigua máis rechíos.

Concurso de fotografía: Ademais podes participar enviando a ies.perdouro.biblioteca@gmail.com unha foto túa no teu momento de lectura favorito. Prazo: 20 de outubro
Premio a mellor foto orixinal.

Esperásmote!!


Rosalía ... para escoitarmos

No 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, desde a Coordinadora de traballadores e traballadoras da normalización da lingua chéganos esta selección de recursos en audio arredor da figura e da obra da autora:

"Rosalía para todos os gustos! Rosalía en todos os estilos! Pop, hip hop, muiñeira, rock, jazz, música antiga, tradicional, blues, fusión... Rosalía para tod@s!

14.10.13

Hora de Ler - 2013

Dimos comezo a Hora de Ler  na ESO.

Xut, silencio, están lendo!

Concerto didáctico de percusión por Israel Arranz

Dolores Otero, profesora de música, coordinou un concerto didáctico de percusión coa colaboración de  Israel Arranz.

O luns 14 de Outubro os alumnos de 3º e 4ºde ESO puideron disfrutar da música de Israel Arranz no instituto!!!!!!
Ao longo de case dúas horas ofreceunos un concerto de percusión de grande dificultade técnica, no que ademáis de escoitar a música en directo puidemos visualizar as partituras e aprender un montón de cousas coas súas explicacións.
Músico de jazz entre outras cousas e multiinstrumentista especializado en vibráfono ofreceunos unha última peza chamada “ Silvia”, obra de composición propia para cuarteto de jazz e arranxada por el mesmo para vibráfono, TODO UN ESPECTÁCULO!!!!!!!

Foi un auténtico privilexio contar cá presencia de Israel
Esperamos que volva por aquí!!!!!!



Certificación 1º Premio "Doce meses, moitas paisaxes"


9.10.13

Alumnos de 4º ESO no acto de clausura da exposición sobre Roberto Vidal Bolaños

Hoxe, mércores 9 de outubro, o alumnado de 4º de ESO acompañados por Santiago Pérez Docobo, director do IES Perdouro, Miruca Parga, coordinadora do ENDL e polo seu profesor de lingua galega, Bernardo Penabade, estivo presente no acto de clausura da exposición sobre Roberto Vidal Bolaños na Sala de Exposicións da Casa da Cultura, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde, José González Barcia; o presidente de honra da Asociación Roberto Vidal Bolaño, Manuel Quintáns Suárez, o xefe territorial de Cultura e Educación, José Jesús Ramos Ledo e Xosé Luís Ansemil Moreira, Coordinador territorial EDLG da provincia de Lugo.

8.10.13

4º ESO no acto de clausura da mostra Roberto Vidal Bolaño en Burela

Biblioteca Nodal de LugoA exposición Roberto Vidal Bolaño, coa que a Xunta de Galicia conmemora a  figura homenaxeada polas Letras Galegas 2013, fai parada en Burela do 23 de setembro ao 10 de outubro, no marco da itinerancia que está a ter durante este ano por un total de 14 localidades nas que se radican concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e bibliotecas nodais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.  A mostra está conformada por 10 paneis con imaxes e textos sobre os espectáculos, personaxes e obras do dramaturgo.

O alumnado de 4º de ESO asistirá ao acto de clausura da mostra que terá lugar o mércores 9 de outubro ás 12:30 na Sala de Exposicións da Casa da Cultura. Neste acto participarán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde, José González Barcia; o presidente de honra da Asociación Roberto Vidal Bolaño, Manuel Quintáns Suárez, e máis o xefe territorial de Cultura e Educación, José Jesús Ramos Ledo. Ademais Manuel Quintáns Suárez (especialista en teatro) dará unha pequena charla aos asistentes arredor da vida e da obra de Vidal Bolaño.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...